Alberto Coya

Gaiteiro

Comezou a aprendizaxe da gaita galega aos 15 anos  tras descubrir a música de Carlos Núñez. Tras o seu paso por diversas agrupacións de música tradicional empeza a participar en certames de gaita chegando a gañar máis de 25 premios, entre os que destacan o Constantino Bellón (2004), o Trophée MacCrimmon (2009) e algúns outros que honran a soados gaiteiros do pasado como Ricardo Portela, O Rilo, Manuel Villanueva, Palla Mallada ou Manuel do Pazo.

Realizou gravacións discográficas como colaborador en máis de 10 publicacións incluíndo o libro-CD Gaita 2.1 que recolle composicións dunha nova xeración de gaiteiros. As súas composicións son a miúdo interpretadas nos certames por destacados intérpretes e mesmo forman parte do programa dos estudos superiores de gaita no conservatorio.

Impartiu diversas clases maxistrais de gaita en Galicia, Asturias, Cantabria, Ibiza, Bretaña… e actuou para algúns medios de comunicación como a BBC de Escocia, Radio 3 RNE, Televisión de Galicia, Ty Télé ou Bleu Radio.

Actuou en multitude de festivais, entre eles, dez edicións do Festival Interceltique de Lorient (Bretaña-Francia), competindo catro veces no Trophée MacCrimmon e sendo xuíz do mesmo outras seis. Alí impartiu a Masterclass de Gaita en sete edicións e actuou na conmemoración do 30º aniversario do Trophée MacCrimmon xunto a outros solistas gañadores do mesmo como Edelmiro Fernández, José M. Tejedor, Xuacu Amieva, Fred Morrison, Patrick Molard e outros gaiteiros de sona como Ian Duncan. Tamén tomou parte no espectáculo Nuit Interceltique sendo convidado polas bandas de gaitas Estivada de Calo e Terra de Melide.

Ao longo destes anos iniciouse na aprendizaxe do whistle e das gaitas tradicionais de Asturias, Irlanda, Escocia e Northumbria, recibindo leccións de mestres da talla de Antón Davila, Kevin Carr, John McSherry, Michael McGoldrick, Paddy Keenan, Cathal Ó Crócaigh, Fionnán Mac Gabhann, Ali Levack ou Patrick Molard.