Cunha formación inicial en piano clásico, cursando ata 6º curso de grao profesional, achégase á música tradicional de xeito autodidacta. Uns anos máis tarde comeza os seus estudos de canto tradicional na Escola de Música Tradicional e Folk de Vigo (ETRAD) da man de do mestre Javier Feijoo “Xisco”,  rematando o grao avanzado nesa especialidade no ano 2016.

Nesta mesma escola ten a oportunidade de cursar o grao medio de gaita e zanfona da man de Xaquín Xesteira e Anxo Pintos respectivamente, así como entrar a formar parte da OFG SONDESEU, da que segue a ser integrante.

A nivel artístico funda o proxecto vocal Pink Roe xunto a Davide Salvado, Najla Shami, Xisco Feijoo, Gabi Reboredo e Xela Conde. Este proxecto  lévaos a tocar en numerosos palcos da xeografía galega e internacional destacando o festival Les Bordées de Cancale (Francia 2017).

No ano 2018 entra como vocalista do proxecto Fiandola, co que gravan ao ano seguinte o que sería o seu 4º traballo discográfico titulado Cordame. Con este disco, que presentan por toda Galicia en lugares como a Sala Capitol (Santiago de Compostela) ou Festival Folc de Vilariño entre outros, chegan a ser finalistas dos Premios Opinión da Música de Raiz 2020 na categoría de mellor adaptación dunha peza tradicional polo seu tema “Van”.

Na actualidade é integrante da banda de folk-fusión Laroá e vocalista do trío folk acústico Caldo. Con este último gravan o seu primeiro disco homónimo no ano 2019. Neste traballo recuperan o repertorio vocal que cantaban as irmás Rosa e Aida Garrido na aldea de Moscoso (Pazos de Borbén),  facendo unha revisión destas melodias e  levándoas a un contexto do s.XXI.

Con este proxecto chegan a tocar por toda a xeografía peninsular, destacando o festival Rubrifolkum (Sant Boi de Llobregat 2019), WIM Festival (Burgos 2019),Espazo Paralaia (dentro do marco do Festival do Mundo Celta de Ortigueira 2019)Ciclicka (Vigo 2020), O Feito a Man (Santiago de Compostela 2020).

Neste ano 2020 Caldo resulta ser selecionado como finalista nos premios Martin Códax da Música Galega que se celebrarán no mes de outubro deste ano.

Como docente leva máis de 10 anos impartindo obradoiros e aulas de canto tradicional e percusión en diferentes asociacións culturais e escolas,  destacando a Escola de Música Tradicional e Folk E-TRAD (durante o curso 2018-2019), a Asociación Cultural Trépia e a Asociación Musical/Cultural O Tambor Colectivo (nas que imparte aulas na actualidade), e a Escola de Danza Vila de Baiona, entre outras.