Durante o renacemento aparecen as gaitas de dous bordóns sobre o ombreiro, afinados na tónica do punteiro e por veces alimentadas de forma mecánica, é dicir, mediante un barquín, de xeito que non hai que soprar para tocar.
Outro dos cambios a resaltar do renacemento e que dous instrumentistas diferentes van formar agora conxunto coa gaita, iso si, por separado. O tocador de frauta e tambor, denominado tamborileiro, toca agora a carón da gaita formando un conxunto.
Como xa o fora na Idade Media e tamén no Renacemento, no Barroco o gaiteiro segue a ser unha personaxe importante, encargado de poñer a música nas ocasións rituais, como festas patronais e procesións, e tamén en festas máis pequenas.
O gaiteiro segue a ser o músico máis importante para o pobo, malia que na música culta perdeu a importancia que mereceu en séculos pasados.
É deste período Barroco de onde herdamos unha boa parte das manifestacións que agora consideramos pertencen á nosa tradición.
No caso da gaita, as formas de vestilas, os torneados cos que se adornan as madeiras, unha parte importante do repertorio e a ornamentación parecen provir directamente dos séculos XVII e XVIII, igual que o traxe tradicional que aínda visten hoxe os gaiteiros galegos.
É tamén no período Barroco onde o gaiteiro acompañado polo tamborileiro tocador de frauta e tambor transfórmase na parella de gaita e tambor que chegou ata nós.