Obradoiro de Gaitas Seivane

Xosé Manuel Seivane Rivas (Fonmiñá, A Pastoriza, Lugo, 1921 – Cambre, A Coruña, 2012) Construíu a súa primeira gaita en 1939, nun pequeno taller deste recuncho da comarca da Terra Chá, creando así o primeiro selo “Seivane”. Aínda que xa era gaiteiro e clarinetista, cumpría o seu sono infantil de facer o seu propio instrumento.

O seu pai Francisco, un grande ebanista, e a súa nai Estrela, dotada dun marabilloso oído musical, achegáronlle unhas bases moi sólidas para desenvolver toda a súa capacidade artesanal. Do seu pai herdou a técnica, ferramentas e as madeiras e da súa nai a sensibilidade musical, especialmente no que se refire á afinación e ton. Dela recibiu tamén as melodías de gaiteiros que xa desapareceran, como Curuxeiras, nacido na Pastoriza, López de Baltar ou Francisco do Crego de Sinde

Cumprindo o seu servizo militar en Pontevedra, entra en contacto co artesán Antón Represas “O Marreco”, co que comparte experiencias e coñecementos axudándolle a construír varias gaitas para o exército.

Era o comezo dun camiño difícil pois, en plena posguerra, as necesidades do momento non pasaban por comprar algo que só achegaba satisfaccións. Naquela época, as gaitas eran construídas polos ebanistas–torneiros, e os gaiteiros afinábanas e facían as súas propias palletas. Moi poucas eran as persoas que reunían a dobre condición de construtor de gaitas e gaiteiro; unha delas foi, sen dúbida, Xosé Manuel.

Con escasos recursos materiais pero dotado cun gran talento e enxeño, como persona habilidosa que era, conseguiu reunir as condicións necesarias para desenvolver a técnica construtiva dende un profundo sentimento musical. As súas expectativas víronse cumpridas e, anos máis tarde, casa e establécese en Ribeira de Piquín (Lugo). Nun primeiro momento, abastece unicamente aos gaiteiros do seu ámbito, pero pronto ensanchará máis e máis o seu campo de acción ata superar os límites do Estado e converter o obradoiro en lugar de peregrinación de gaiteiros e amantes da música tradicional de Galicia.

Os seus fillos, Álvaro (Ribeira de Piquín, Lugo, 1952) e Xosé Manuel (Ribeira de Piquín, Lugo, 1964) seguen os seus pasos dende moi nenos da mesma forma que lle acontecera a el con respecto ao seu pai. Ao seu lado van recibindo os pequenos segredos do traballo diario, os que xorden co tacto diario da madeira, así como a capacidade para recordar o son ao escoitalo, impregnándose para sempre do timbre da marca Seivane.

No ano 1972, Álvaro trasládase a Barcelona, estuda Mestría Industrial e inicia Enxeñería. Establécese alí durante catorce anos, traballa no sector industrial (deseño e construción de utillaxes e prototipos), no que adquire unha experiencia moi valiosa que aplicaría no futuro á artesanía, e compaxina o seu traballo coa construción de gaitas no seu obradoiro creado á imaxe e semellanza do do seu pai. Dende alí abastecerá aos centros galegos de Cataluña e mesmo de Europa.

En 1986, decide regresar a Galicia co proxecto de crear xunto co seu pai e irmán o Obradoiro de Gaitas Seivane, o que anima a todos a unirse de novo.

En 1994, en contra do proverbial minifundismo galego, toda a experiencia adquirida por cada un deles fóndese para formar, en Cambre (A Coruña), o actual Obradoiro de Gaitas Seivane.

Así, partindo dun oficio que era prácticamente individual e con prazos de entrega moi longos, créase unha empresa familar pioneira en Galicia, con más capacidade de produción, coa pretensión de modernizar os tradicionais sistemas construtivos e sobre todo de investigar seria e profundamente todos os aspectos relacionados coa gaita para ofrecer a máis alta calidade nos seus produtos.

Álvaro e Xosé, responsables directos do obradoiro, van creando novas maneiras de entender a elaboración, aplicando as últimas tecnoloxías e máquinas de precisión, ao servizo da técnica artesanal recibida do seu pai.

Esta combinación entre o primario espírito artesanal e a tecnoloxía, o gusto polo ben feito, a creatividade conxénita e a intuición sonora son os pilares onde se sustenta a firma Seivane, distinguida pola marcada personalidade dos seus produtos e a súa excelente calidade. Pioneiros na evolución do instrumento, marcarán un antes e un despois na construción de gaitas e serán un modelo para imitar.