En 1901, os irmáns D. Perfecto,D. Gervasio e D. Pascasio, con idades de entre 14 e 16 anos, emigraron para Cuba. Gervasio, encontrou traballo na cidade de Manzanillo (Cuba). Nesta cidade, D. Gervasio, afeccionado á música, conseguiu praza de redobrante na banda municipal. Por consello do director da banda de música, D.Gervasio comezou a estudar clarinete ata tal punto que acabou alcanzando o posto de primeiro instrumentista. Durante esta etapa, D. Gervasio conseguiría grandes éxitos, pasando por incluso os Estados Unidos. O regresar novamente a Cuba, formou xunto cos seus irmáns D. Perfecto e D. Pascasio, que tamén andaban no mundo da música, “Os Trabazos”.
En 1910 os tres irmáns regresaron a Castro Caldelas e xunto con outros membros consolidaron o grupo “Os Trabazos”, quedando integrado inicialmente con D. Gervasio (clarinete), D. Perfecto (gaita), D. José Grasas (caixa) e D. Pascasio (bombo). Durante esta primeira etapa foron entrando no grupo outros membros como D. Juan, de Cambicia e un veciño de A Veiga, pero como vivían lonxe de Castro Caldelas, non asistían os ensaios.
Por outra banda, en 1926, D. Luís Amaro fundou o outro grupo que existía en Castro Caldelas, “Os Caldeleses”, grupo formado ademais, por D. Manuel Anchiño e Francisco Pérez (que posteriormente emigraría a Bos Aires e supostamente formaría alí outro grupo, tamén chamado “Os Trabazos”).
Tres anos máis tarde, “Os Caldeleses” disolvéronse e xuntáronse con “Os Trabazos” e finalmente, coa saída de Pascasio (un dos irmáns), descoñecéndose o motivo, “Os Trabazos” quedou formado por D.Gervasio (clarinete), D. Perfecto (gaita), D. Luís Amaro (gaita), D. Manuel Anchiño (caixa) e D. Cesáreo Losada (bombo).