Rafa Carracedo

Rafa Carracedo

Gaiteiro

Rafael Carracedo Crespo naceu en Madrid en 1987, no seo dunha familia de gran tradición musical, orixinaria por liña paterna de Guláns, Ponteareas (Pontevedra).

É licenciado en música na especialidade de trompeta.

Iniciouse na trompeta co seu pai, músico profesional, e fixo estudos na Escola Municipal de Música «Manuel de Falla» de Alcorcón (Madrid), no Conservatorio Profesional de Música «Teresa Berganza» de Madrid, obténdoo o Premio fin de grado no 2005, e no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, onde acadou a Matrícula de Honra fin de carreira no ano 2009.
Foi membro da “Orquesta de Estudantes de la Comunidad de Madrid” e da bolsa da “Joven Orquesta Nacional de España” (JONDE).

Durante cinco anos foi trompetista titular na “Orquesta Escuela da Sinfónica de Madrid” (Teatro Real) e membro da EUYO (Xove Orquestra da Unión Europea) coa que chegou a tocar na Concertgebouw de Amsterdam.

Ampliou estudos en Austria, na Universität für musik Mozarteum de Salzburgo (2008). Co profesor Hans Gansch (trompeta solista da Orquestra Filharmónica de Viena)

É asiduo colaborador de prestixiosas agrupacións, como a “Orquesta Sinfónica Nacional de España”, “Banda Sinfónica Municipal de Madrid”, a “Orquesta Sinfónica de Madrid” (Titular do Teatro Real), a “Orquesta Sinfónica de RTVE”, a “Orquesta Sinfónica de la Comunidad de Madrid”, a “Polish Sinfonia Juventus Orchestra de Varsovia” e a “Hulencourt Soloist Chamber Orchestra” de Bruselas

Interpretou como trompeta solista o “Concerto para trompeta e orquesta en Mi bemol Mayor Hob VIIe:1” de J. Haydn” no Auditorio Nacional de España e na Catedral de Segovia.

Na actualidade é fliscorno solista da Unidade de música de la Guardia Real.

No eido da música tradicional, Rafael Carracedo volcouse na gaita, sendo membro fundador do cuarteto tradicional Miañadura, co que percorreu toda a xeografía galega. Impartiu clases de requinta e gaita na Casa de Galicia de Fuenlabrada e na A.C. Xirandela de Madrid, e deu una serie de conferencias sobre a historia da gaita e a requinta no Espazo das linguas ibéricas, promovido pola Universidade de Alcalá, na Asociación Vagalume de Alcalá de Henares e na Escola Bellón-Maceiras de Fene (Ferrol).

Participou na gravación do último traballo do grupo BellonMaceiras, “Ten” (2015).

No 2017 publica o seu primeiro traballo, o libro-cd “A requinta da Ulla. Obradoiro Riobó”, apoiado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, sendo o primeiro cancioneiro de música do repertorio dos grupos tradicionais que empregaban nas súas formacións a requinta da Ulla.
Tamén no 2017 acadou o 3º premio na final do concurso MacCrimmon dentro do marco do Festival Intercéltico de Lorient (Francia).

Recentemente ten colaborado co grupo “Radio Cos” como gaiteiro e trompetista.