Suso Vaamonde

Suso Vaamonde Manteiga, Músico intérprete e Mestre de instrumentos populares (Visantoña, 1970) é Licenciado en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela, e posúe o Título Profesional de Gaita polo Conservatorio Mayeusis de Vigo.

Formou parte de grupos tan prestixiosos como XacarandainaBallet Galego Rey de VianaLeliadouraLuvas VerdesCantata VernáculaTrío Vaamonde, Lamas e Romero… Actualmente desenvolve a súa actividade musical principalmente no coro histórico “Aires da Terra: o legado de Feijóo”, no espectáculo De tradición con Suso Vaamonde (Suso Vaamonde con banda de música) e 24 Instrumentos Populares (Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero).

Foi Mestre de Música Tradicional do IGAEM (actualmente AGADIC), e músico colaborador do Centro Coreográfico Galego, tanto na interpretación de instrumentos como na impartición de talleres e obradoiros didácticos.

Ten impartido diversos cursos de técnica e afinación de gaita galega (Casa de Galicia de San Sebastián, A.F.C. Cantigas e Frores, Asociación Cultural de Folclore Tradicional Ourensá, Academia Escola da Vaca, do Ferrol, Cursos de Especialización para a Galicia do Exterior en Santiago de Compostela…).

Destaca ademais no campo da composición, sendo autor de máis de corenta obras e outros tantos arranxos. A meirande parte da súa obra está gravada por él mesmo en diversas publicacións discográficas.

Acadóu diversos premios como solista: Gañador do Concurso de Gaita Constantino Bellón nos anos 1992 e 1997, gañador do Premio LUAR 2000 como Mellor grupo de música tradicional…

Ten participado en máis dunha veintena de gravacións discográficas e publicado varias obras para gaita (Solo de Gaita, Cadernos de gaita galega -4 en total-, Doce Polainas Enteiras, De pano sedán, Revista de Etnomusicoloxía, Pel e Madeira I e II…)

O 2 de agosto de 2005 foi o único gaiteiro solista encargado de interpretar a Marcha do Antigo Reino de Galiza na Toma de posesión do Presidente da Xunta, don Emilio Pérez Touriño.

Participou tamén como gaiteiro solista nos actos de conmemoración do “25 Aniversario do Parlamento de Galicia”, tanto na apertura coma na clausura, que tiveron lugar os días 14/12/2005 e 19/12/2006 respectivamente.

Colaborou como xurado e músico no programa da TVG “LUAR” no concurso Vai de gaita infantil durante as tempadas 2014-2015, e 2015-2016, promovendo a difusión dos instrumentos populares galegos interpretados por nenos menores de 13 anos.

Na actualidade é o Director, Profesor e Coordinador da “Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde”, en Arcos da Condesa (Caldas de Reis). Tamén é Mestre de instrumentos populares na “Escola de Música Tradicional do Concello de Outes”; na asociación “ASMUBE”, de Betanzos; na asociación “Hai que Roelo”, de Cuntis; na asociación “Amigos da Música”, de Salceda de Caselas; e na “Aula Permanente de Instrumentos Populares” da Universidade de Vigo, no Campus de Pontevedra. Foi Mestre de Zanfona na “TRADESCOLA”, en Lugo dende outubro de 2017 ata xuño de 2019.